Moitas cousas pequenas fan un país grande

Novas

Nace a Asociación Pro Fundación Manoel Vello para defender o dereito de poder “vivir en galego”

 

A Coruña, 15.09.2023

 

Esta mañá rexistrouse na Xunta de Galicia a Asociación Pro Fundación Manoel Vello, entidade creada para impulsar a posta en marcha de proxectos destinados a promover e fomentar o uso do galego en todos os ámbitos da sociedade. 

 

A data do rexistro coincide co aniversario de Manoel Vello, decidido activista que dedicou toda a súa vida a fomentar o uso do idioma do país. A súa teima foi sempre “poder exercer o seu dereito a vivir en galego”, para o que colaborou con diferentes entidades de diferente índole, sociais, educativas e comerciais, ata o día do seu falecemento o pasado 17 de decembro de 2022.

 

Ademais da elaboración de iniciativas de promoción do uso da lingua, a asociación ten como finalidade impulsar a creación dunha fundación co mesmo nome, coa finalidade de poder levar a cabo proxectos de maior alcance e chegar alí onde a administración e as restantes entidades de promoción da lingua non están presentes.

 

Tamén están convidadas todas de entidades do país a xuntar esforzos coa asociación no deseño de proxectos destinados ao fomento do uso do galego no lecer, na empresa ou administración, e en todas as franxas de idade. 

En galego alá onde vaias

no consumo

no lecer

no traballo

nos medios

Documentario sobre Manoel Vello, o home que nos inspirou a todos nós:

Aprendermos con Manoel

"[...]Sen arrogancia, sen egocentrismo, aprendemos con Manoel que desde o valor das pequenas cousas, dos pequenos xestos, con cada unha das nosas voces podemos aprender a valorar o noso, como valoramos o outro e o todo. O noso ten espazo no todo. O noso construído en galego, non pode ficar petrificado, folclorizado, esclerotizado. Cómpre que sexa revitalizado, para seguir construíndo e re-construíndo.

É Manoel quen nos convoca para transmitirmos co goce do idioma, para revitalizalo e levalo de paseo, con alegría facendo de cada día unha festa co seu uso. Por iso, precisamos de todas as mans e cabezas, de todas as inciciativas que fomenten o uso da lingua galega, de todas as asociacións, de cada voz individual.[...]"

-Marga do Val 

(para ler o artigo completo pincha aquí)

A nosa visión: queremos exercer o dereito de vivir en galego

A Fundación Manoel Vello quere ser un lugar de encontro de todas as persoas procedentes de tódolos ámbitos e ideoloxías unidos polo desexo e compromiso de facer unha Galiza na que podamos exercer o noso dereito de vivir en galego en todos os ámbitos da súa vida: na rúa, na administración, no médico, na empresa, no comercio, no lecer, na universidade, etc.

A nosa misión: ser o instrumento que materialice as nosas ideas e proxectos

Ofrecemos unha estrutura de colaboración áxil, capaz de canalizar as nosas e as vosas ideas e forzas e de chegar a todos xuntos a todos os recunchos do país, no ámbito da empresa, no lecer, no consumo, na formación extraescolar e en valores, na presencia do galego nas redes, ou na creación de contidos destinados tanto a nenos como a adultos, entre outras opcións.

A fundación canalizará e colaborará coas iniciativas propostas pola cidadanía.

Os nosos valores: xuntos seremos máis fortes

Estamos sentando as bases creando grupos de traballo con iniciativas en diferentes campos para establecer as pontes entre o cidadán que crea proxectos e cidadán que se beneficia deles. 

A fundación ofréceche a posibilidade de colaborar connosco tanto na posta en marcha dos teus proxectos como na súa financiación. 

Pero imos amodo. Actualmente estamos a poñer as primeiras pedras e comezamos con ideas e proxectos. Estás convidado a participar. Contacta connosco escribíndonos ao noso correo electrónico: info@manoelvello.gal